Benvida da Alcaldesa

Arteixo, no arco Ártabro, dálle a benvida ao mundo a través deste portal web e faino amosando con orgullo o mellor que hai por estes lares, que é sobre todo, a hospitalidade e amabilidade das súas xentes.

Falan deste municipio a súa extensa costa, con amplos areais, portos naturais, zonas aptas para a pesca; o románico dos seus monumentos eclesiásticos tamén fala de nós, así coma o resto do patrimonio etnográfico e inmaterial.

Pilar Souto Iglesias

Pilar Souto Iglesias
Alcaldesa-Presidenta do Concello de Arteixo

Arteixo, hoxe en día, é unha gran vila de servizos, cunha boa expansión comercial, co Polígono Industrial de Sabón, coa construción do Porto Exterior en Suevos ou co vindeiro Polígono Industrial de Morás, que será o máis grande de Galicia.

Arteixo é un lugar situado a carón da cidade da Coruña, cunhas boas comunicacións por autoestradas, aeroportos ou ferrocarril, un lugar onde se conxuga a tradición e a modernidade, onde se pode gozar do tempo de lecer nas diferentes áreas recreativas, paseos marítimos e fluviais, rutas de senderismo ou mesmo gozar da súa programación cultural/deportiva/festiva ao longo de todo o ano.

Paga a pena gozar das exquisiteces culinarias deste municipio nos seus abundantes servizos de hostalaría e, ao mesmo tempo, aproveitar para descubrir unha contorna engaiolante que é un goce para os sentidos.

Compartide, pois, connosco os encantos de Arteixo e das súas parroquias; veredes como as experiencias vividas nestas terras sempre serán unha grata lembranza nas vosas vidas.